Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

28 de novembro de 2018

Portugal dos Pequenitos, o mundo aos nosos pés

Amamos Portugal. E sómoslle fieis. Porque nunca nos decepciona. E Coimbra, co fenomenal Portugal dos Pequenitos, non é unha excepción. Situado na beira oeste do río Mondego, non se atopa na cidade antiga, pero si pode chegarse andando sen problema. No caso de levar coche, tampouco hai problema para aparcar nas inmediacións. A entrada non é gratuita pero ben merece a pena. Aquí, a súa web.
É, sen lugar a dúbidas, un lugar encantado, xa que lle brinda a nenas e nenos a oportunidade de ver o mundo ao seu tamaño e na súa propia proporción. Debido á escala das reproducións, poden subir, entrar, abrir ou pechar portas e fiestras. Non falta detalle nos edificios, o que fai a delicia das nosas persoíñas favoritas. 
Esta publicación será básicamente visual, xa que pouco podemos engadir ao feito de que se reproducen edificios moi coñecidos de Portugal, así como edificacións típicas dos diferentes lugares do mundo que foron -durante máis ou menos tempo- colonizados polos portugueses, grandes navegantes e conquistadores. Sirva este Portugal dos Pequenitos coma unha homenaxe aos moradores desas terras. 















20 de novembro de 2018

Caldas de Reis, raíña do outono

Xa hai tempo que tiñamos moitas ganas de visitar Caldas de Reis, un municipio no interior da provincia de Pontevedra, denominado a Vila Termal de Galicia na web do Concello, debido ás fontes coas que nos agasalla.


Atopamos un aparcadoiro enorme pegadiño ao Parque da Tafona, acondicionado para xogar ao baloncesto e para cabriolar un anaco en patíns e monopatíns. Ademáis de ser unha magnífica maneira de achegarse ao centro da vila por un paseo ao lado do río Umia, permite ver nas súas marxes algunha mostra do patrimonio civil ademáis de percibir o agarimo amosado cara o patrimonio natural. 


Do patrimonio civil, destacamos os edificios dos balnearios, tanto do antigo - Balneario Hotel Davila no centro da vila- como do máis novo - Balneario Acuña, á beira do río Umia- así como o Concello situado xusto enfronte deste último.




Seguindo o paseo á beira do río, chegamos ao que máis nos gustou da vila: o seu xardín botánico é simplemente espectacular, ademáis de estar moi ben coidado o tempo de outono axuda a velo aínda máis marabilloso. Chaman a atención as mostras de diferentes variedades de arce e nin sequera as nenas e nenos quedan indiferentes fronte á súa beleza.


Este xardín botánico acolle un parque infantil moi fermoso, de madeira, con estructuras de aventura e incluso unha polea para carrexar as pedras decorativas brancas que o pavimentan.
















16 de novembro de 2018

A Finca de Briz, un paraíso coñecido como o Parque dos Sentidos

Se hai un lugar máxico ao que nos encanta volver unha e outra vez, ese é a Finca de Briz, máis coñecida como o Parque dos Sentidos, no Concello de Marín.
Dicir que é un agasallo é dicir pouco: un espacio enorme (23.690 metro cadrados!!) de natureza para cativas e cativos. E completamente gratuíto. Recíbemos un edificio magníficamente conservado -o chalé principal- e de aí en adiante todo son marabillas.


Conta cunha lagoa artificial da que nenas e nenos poden achicar a auga, ademáis dunha zona de xogos para diferentes idades. Así mesmo, para tomar un refrixerio ou a merenda hai habilitada unha pequena cafetería ao descuberto.


Subindo por unhas amplas escaleiras, podemos chegar ás diferentes alturas onde se desenvolven as ladeiras dos sentidos, xa que en cada unha delas se explora un deles.

















O sentido preferido por nenas e nenos que visitan o parque é o do oído: instrumentos musicais de madeira, metal e outros materiais están aí para encher de harmonía o parque.


Pero tamén atopamos un recuncho do olfato: pequenas illas aromáticas de prantas ben coñecidas. Hai que ter en conta que este recuncho é moito máis espectacular na primavera.


En canto ao tacto, por aquí e por alá xurden elaboradas e realistas esculturas de madeira de diferentes figuras. Adoramos especialmente a árbore do moucho, ao lado da lagoa natural, e imos saudando a curuxas, caracois, sapos, trasnos ou cabaliños de mar. 



E, pensamos, o sentido da vista é o propio parque ao completo, coas súas árbores caducifolias ou perennes e as posibilidades de recorrelo ata arriba, onde nos agarda o agasallo máis desexado: unha estructura de madeira, con cataventos de lata e un case interminable tobogán. Ao baixar do tobogán, nenas e nenos poden subir por unhas escaleiras de madeira ou por unha cama de cordas. 


















Como colofón, temos que comentar que, como é un parque  agreste nos seus camiños, é dicir, non está pavimentado, resulta un pouco cansado levar o carriño dos bebés ou unha cadeira de rodas. Non é tarefa imposible, pero si require unha boa cantidade de enerxía.



15 de novembro de 2018

Monforte de Lemos, unha vila espectacular

Hai unha vila marabillosa que é unha verdadeira sorpresa para o visitante: Monforte de Lemos, no sur da provincia de Lugo.
Está enclavada nun val entre os nosos ríos máis significativos: o Miño e o Sil e é a capital da comarca de Lemos e da Ribeira Sacra, outro lugar máxico que, ao igual que ámbolos dous ríos, comparten as provincias de Lugo e Ourense.
A vila é, simplemente, espectacular. Nada máis aterrar, atopamos unha explanada enorme -o Campo da Compañía-, un lugar estupendo para correr, andar en bici ou patinete así como admirar o Colexio dos Escolapios, un edificio impresionante que nos dá a benvida coa súa grandiosidade. 


Moi pretiño atopamos una fonte urbana moi divertida, que alterna os chorros de auga para diversión de nenas e nenos.


Tamén achegado a este colexio está o chamado Parque dos Condes,  unha extensión de natureza moi coidada e fermosísima, cruzado por unha ponte romana ben conservada dende a que observar aos patos que son donos e señores do parque. 


Pero non lles basta con ese parque fenomenal, senón que seguindo o curso do río Cabe, tamén ao lado do Colexio dos Escolapios, o paseo do malecón do río Cabe é un agasallo para a vista. Alí descansamos un chisco e tomamos a merenda, para pracer de máis patos que tamén merendaron ;)


A pesares de estar disfrutando dunha tarde ben intensa, non quixemos marchar de Monforte de Lemos sen botarlle unha ollada dende a Torre do Homenaxe, situada no recinto do mosterio de San Vicente do Pino, coronando o monte de San Vicente. 













7 de novembro de 2018

Aquis Querquennis ou como vivían as tropas romanas

Un sitio que nos sorprendeu pola súa magnitude e asombrosa beleza foi Aquis Querquennis, coñecido popularmente por A Cidá, situado no concello de Bande en Ourense, máis concretamente na parroquia de Baños de Bande.






Era, no tempos dos romanos, un campamento romano e unha mansión-viaria (unha hospedería para viaxeiros que percorrían as vías romanas, con cortes para acoller ás cabaleirías), construcións que abarcan do século I ao III d.C. É unha marabilla que se manteña no tempo e se sigan descubrindo máis construccións deste complexo arqueolóxico que prosegue coas escavacións.