Somos uns grandes afeccionados a visitar, coñecer e voltar ás diferentes vilas do Morrazo. Vilas que pensan nas cativas e cativos que alí viven e tamén nas que as visitamos. Sempre nos sentimos coma na casa e a tarde faise curta entre tanta alternativa de lecer.
Nesta ocasión, achegámonos cediño na tarde até Moaña, vila que mira ao mar sempre e a Vigo en ocasións.
Ao ter un percorrido paralelo ao mar, habitantes e visitantes pasan as fins de semana disfrutando do seu paseo marítimo. Nós non fomos menos.
O paseo marítimo propiamente dito transcorre paralelo a unha pista para bicicletas, patinetes e demáis.
Atopamos unha balea fenomenalmente azul e un calamar. Fixemos fotos a carón do Fisgón, unha estatua espectacular que representa a un mariñeiro co tridente ("fisga") nunha clara alusión ao deus do mar, Neptuno.
Máis adiante vimos e xogamos nun parque de skate e no parque principal de Moaña, dos cales, por protección á imaxe, non quixemos facer nin unha soa foto de preto. Que vos sirva para animarvos a visitala e disfrutala.