Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

16 de novembro de 2018

A Finca de Briz, un paraíso coñecido como o Parque dos Sentidos

Se hai un lugar máxico ao que nos encanta volver unha e outra vez, ese é a Finca de Briz, máis coñecida como o Parque dos Sentidos, no Concello de Marín.
Dicir que é un agasallo é dicir pouco: un espacio enorme (23.690 metro cadrados!!) de natureza para cativas e cativos. E completamente gratuíto. Recíbemos un edificio magníficamente conservado -o chalé principal- e de aí en adiante todo son marabillas.


Conta cunha lagoa artificial da que nenas e nenos poden achicar a auga, ademáis dunha zona de xogos para diferentes idades. Así mesmo, para tomar un refrixerio ou a merenda hai habilitada unha pequena cafetería ao descuberto.


Subindo por unhas amplas escaleiras, podemos chegar ás diferentes alturas onde se desenvolven as ladeiras dos sentidos, xa que en cada unha delas se explora un deles.

















O sentido preferido por nenas e nenos que visitan o parque é o do oído: instrumentos musicais de madeira, metal e outros materiais están aí para encher de harmonía o parque.


Pero tamén atopamos un recuncho do olfato: pequenas illas aromáticas de prantas ben coñecidas. Hai que ter en conta que este recuncho é moito máis espectacular na primavera.


En canto ao tacto, por aquí e por alá xurden elaboradas e realistas esculturas de madeira de diferentes figuras. Adoramos especialmente a árbore do moucho, ao lado da lagoa natural, e imos saudando a curuxas, caracois, sapos, trasnos ou cabaliños de mar. 



E, pensamos, o sentido da vista é o propio parque ao completo, coas súas árbores caducifolias ou perennes e as posibilidades de recorrelo ata arriba, onde nos agarda o agasallo máis desexado: unha estructura de madeira, con cataventos de lata e un case interminable tobogán. Ao baixar do tobogán, nenas e nenos poden subir por unhas escaleiras de madeira ou por unha cama de cordas. 


















Como colofón, temos que comentar que, como é un parque  agreste nos seus camiños, é dicir, non está pavimentado, resulta un pouco cansado levar o carriño dos bebés ou unha cadeira de rodas. Non é tarefa imposible, pero si require unha boa cantidade de enerxía.



Ningún comentario:

Publicar un comentario