A Illa de Medal ou Insuiña
Nalgúns recantos da nosa paisaxe atopámonos coma na casa. Iso percibimos na pequena e marabillosa illa de Medal ou Insuiña. Repousa, única e fermosa, ao fondo da enseada de San Simón. Ao ladiño mesmo de Arcade, alí nos agarda, chea de recunchos.
Aínda que chamada Insuíña, é máis coñecida como de Medal polo seu derradeiro propietario privado: o pintor Antonio Medal, grande amigo de outras figuras preeminentes da nosa cultura. Alí se reuniron Castelao, Asorey, Laxeiro, Valle-Inclán, Ramón Cabanillas e Manuel Quiroga por citar uns cantos. Que agasallo tan prezado da vida ter un acocho onde ser unha mesma, reunida coas amizades, invitándoas a disfrutar do espazo propio.
Para acceder a ela dende Pontesampaio, percorremos un camiño empedrado que nos retorna ao tempo da nenez: ao final nos agarda unha ponte que a une coa terra dándonos a benvida un portalón de pedra con pináculos xemelgos. A illa está pechada ao público pola noite para preservar a súa integridade pero ábrese de día para deixarnos disfrutar da súa beleza.
Din que o seu dono, referíndose á súa pequenez dixo: "pequeniña, pero miña". Por iso é un recanto único e iso percíbeno as nosas persoíñas pequenas favoritas: é da súa medida sen carecer de bancos, árbores e arbustos, un canastro e un pombal circular, así coma pequenos sendeiros e un mirador elevado protexido por barandas.
Pero a sorpresa máis linda é unha mesa, deseñada polo seu propietario, que imita nos seus materiais estar cuberta cun mantel.
E non podemos deixar de sorprendernos co deseño do chan, complemento perfecto para tan asombrosa xoia.
Encantaravos, seino, tanto como nos namorou, alí ergueita, tan digna ela. Tan máxica.