Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

20 de novembro de 2018

Caldas de Reis, raíña do outono

Xa hai tempo que tiñamos moitas ganas de visitar Caldas de Reis, un municipio no interior da provincia de Pontevedra, denominado a Vila Termal de Galicia na web do Concello, debido ás fontes coas que nos agasalla.


Atopamos un aparcadoiro enorme pegadiño ao Parque da Tafona, acondicionado para xogar ao baloncesto e para cabriolar un anaco en patíns e monopatíns. Ademáis de ser unha magnífica maneira de achegarse ao centro da vila por un paseo ao lado do río Umia, permite ver nas súas marxes algunha mostra do patrimonio civil ademáis de percibir o agarimo amosado cara o patrimonio natural. 


Do patrimonio civil, destacamos os edificios dos balnearios, tanto do antigo - Balneario Hotel Davila no centro da vila- como do máis novo - Balneario Acuña, á beira do río Umia- así como o Concello situado xusto enfronte deste último.




Seguindo o paseo á beira do río, chegamos ao que máis nos gustou da vila: o seu xardín botánico é simplemente espectacular, ademáis de estar moi ben coidado o tempo de outono axuda a velo aínda máis marabilloso. Chaman a atención as mostras de diferentes variedades de arce e nin sequera as nenas e nenos quedan indiferentes fronte á súa beleza.


Este xardín botánico acolle un parque infantil moi fermoso, de madeira, con estructuras de aventura e incluso unha polea para carrexar as pedras decorativas brancas que o pavimentan.


















Pero non lle bastaba á cidade con este exemplo de respecto a diferentes especies arbóreas, que este xardín botánico se solapa cunha fermosa e extensa carballeira, que posúe o seu propio malecón. Nin que dicir que está moi ben acondicionada na súa parte superior, que si está pavimentada, para poder correr un anaco ou sentar para descansar mirando ás árbores. 



Despois de disfrutar da carballeira, e como as tardes de outono son ben curtas, decidimos explorar a vila un pouco máis e atopamos enseguida a Igrexa de Santo Tomás, moi chamativa debido ás palmeiras que a arrodean. 


E agardábanos a sorpresa dun novo parque infantil detrás desa igrexa onde tivemos ocasión de gastar os poucos folgos que nos quedaban, ademáis de disfrutar do voo de centos -tal vez milleiros- de estorniños. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario