Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

9 de agosto de 2020

Miradoiros do Sil: balcóns de Torgás/de Madrid

 Adoramos ser oriundos de Ourense, porque nos dá a oportunidade de querer percorrer a provincia enteira. Provincia que, conxuntamente con Lugo, é das menos coñecidas de Galicia por ofrecer paisaxes máis interiores. Entre esas paisaxes, non deixa de abraiar a visitantes e oriundos a beleza de impresión dos canóns do Sil. 


Aínda que se pode acceder dende diversos lugares a esta espectacular fermosura, nós decidimos levar ao neno directamente á vista máis abraiante destes canóns. Son os chamados miradoiros de Torgás ou balcóns de Madrid. Como ben indican na páxina da Ribeira Sacra, non se chaman así por distinguirse Madrid dende eles senón que era o lugar elixido polas mulleres para despedirse dos seus maridos emigrantes, moitos deles barquilleiros.



Cando o tempo é bo, nese lugar de excepción non se precisa máis que deixar falar a natureza. Se o silencio é absoluto, óese no fondo do río o ruído do catamarán percorrendo o Sil. Absoluta beleza natural. As nenas e nenos, se se lles permite o momento de decatarse da paisaxe única que os arrodea, tamén son quen de ter un momento de relaxación e acougo descubrindo as fondas gorxas escavadas polo río, hai milleiros de anos. Polos menos así o experimentou o noso neno.


Chegar até os miradoiros de Torgás só se ve condicionado por estradas comarcais pero ese afastamento de núcleos urbáns contribúe a que siga sendo un lugar para quen realmente quere visitalo. Sentar nas pedras e agardar polo solpor é un recordo que perdura.

8 de agosto de 2020

Boticas Parque

Situado no distrito de Vila Real, agárdanos un espazo de máis de 60 hectáreas de plena inmersión na natureza. Nesas saídas á aventura que tanto gustan na nosa pequena familia, atopamos unha área recreativa coidada e limpa que, casualmente, se atopa fronte á entrada de Boticas Parque. Non tardamos moito en rematar de comer porque a natureza do outro lado da estrada nos invitaba a percorrela e disfrutala. Aínda que ese día concreto facía moita calor, sabiamos que sería entrar no parque e notar o frescor das árbores e do río.



Coma tantas marabillas en Portugal, este lugar de lecer é gratuito e o respecto pola natureza é un agasallo máis. Sendeiros limpos, cubos do lixo recollidos, animais respectados, silencios agradecidos, Boticas Parque non é só o que o seu nome indica senón tamén inclúe aloxamento, kayak, rutas de sendeirimos ou parque de pesca entre outras actividades. Aínda que esta última non é do noso agrado, si comprobamos nas visitas ao país irmán que é una práctica moi usual durante as fins de semana.


Atravesado polo río Beça, Boticas Parque amosa dende pinos de Balsaín até bosque autóctono, predominando os castiñeiros. Sendo como eran antigamente os Viveiros Forestais da Relva, o respecto pola flora é máis que evidente, así como a conservación de fauna, sobre todo doméstica (vacas, burros, galiñas, porcos...) na pequena granxa-escola que tamén se engloba dentro das actividades ofrecidas polo parque.




Como turistas accidentais neste parque en concreto, adicámosnos a percorrelo polas pasarelas que acompañan o río até chegar ás poldras de pedra que nos permiten cruzalo e voltar á zona dos viveiros e da granxa escola. Non esquezades disfrutar das estruturas no parque infantil, que nós deixamos un pouco de lado cando xa caía o solpor.



Aquí vos deixo a ligazón ao Boticas Parque coa recomendación de visitalo en canto as fronteiras con Portugal volvan abrir.