Hai unha vila marabillosa que é unha verdadeira sorpresa para o visitante: Monforte de Lemos, no sur da provincia de Lugo.
Está enclavada nun val entre os nosos ríos máis significativos: o Miño e o Sil e é a capital da comarca de Lemos e da Ribeira Sacra, outro lugar máxico que, ao igual que ámbolos dous ríos, comparten as provincias de Lugo e Ourense.
A vila é, simplemente, espectacular. Nada máis aterrar, atopamos unha explanada enorme -o Campo da Compañía-, un lugar estupendo para correr, andar en bici ou patinete así como admirar o Colexio dos Escolapios, un edificio impresionante que nos dá a benvida coa súa grandiosidade.
Moi pretiño atopamos una fonte urbana moi divertida, que alterna os chorros de auga para diversión de nenas e nenos.
Tamén achegado a este colexio está o chamado Parque dos Condes, unha extensión de natureza moi coidada e fermosísima, cruzado por unha ponte romana ben conservada dende a que observar aos patos que son donos e señores do parque.
Pero non lles basta con ese parque fenomenal, senón que seguindo o curso do río Cabe, tamén ao lado do Colexio dos Escolapios, o paseo do malecón do río Cabe é un agasallo para a vista. Alí descansamos un chisco e tomamos a merenda, para pracer de máis patos que tamén merendaron ;)
A pesares de estar disfrutando dunha tarde ben intensa, non quixemos marchar de Monforte de Lemos sen botarlle unha ollada dende a Torre do Homenaxe, situada no recinto do mosterio de San Vicente do Pino, coronando o monte de San Vicente.

E para despedirnos, unha visita ao Museo do Ferrocarril de Galicia, que nos sorprendeu polo bo estado de conservación de varios vehículos, non só locomotoras e vagóns. Iso si, o museo é bastante modesto e estaba prohibido tocar as locomotoras ou subir a elas aínda que só fose para facer unha foto. De todos os xeitos, foi un bo plan para rematar o día.




Ningún comentario:
Publicar un comentario