Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

9 de agosto de 2020

Miradoiros do Sil: balcóns de Torgás/de Madrid

 Adoramos ser oriundos de Ourense, porque nos dá a oportunidade de querer percorrer a provincia enteira. Provincia que, conxuntamente con Lugo, é das menos coñecidas de Galicia por ofrecer paisaxes máis interiores. Entre esas paisaxes, non deixa de abraiar a visitantes e oriundos a beleza de impresión dos canóns do Sil. 


Aínda que se pode acceder dende diversos lugares a esta espectacular fermosura, nós decidimos levar ao neno directamente á vista máis abraiante destes canóns. Son os chamados miradoiros de Torgás ou balcóns de Madrid. Como ben indican na páxina da Ribeira Sacra, non se chaman así por distinguirse Madrid dende eles senón que era o lugar elixido polas mulleres para despedirse dos seus maridos emigrantes, moitos deles barquilleiros.



Cando o tempo é bo, nese lugar de excepción non se precisa máis que deixar falar a natureza. Se o silencio é absoluto, óese no fondo do río o ruído do catamarán percorrendo o Sil. Absoluta beleza natural. As nenas e nenos, se se lles permite o momento de decatarse da paisaxe única que os arrodea, tamén son quen de ter un momento de relaxación e acougo descubrindo as fondas gorxas escavadas polo río, hai milleiros de anos. Polos menos así o experimentou o noso neno.


Chegar até os miradoiros de Torgás só se ve condicionado por estradas comarcais pero ese afastamento de núcleos urbáns contribúe a que siga sendo un lugar para quen realmente quere visitalo. Sentar nas pedras e agardar polo solpor é un recordo que perdura.

8 de agosto de 2020

Boticas Parque

Situado no distrito de Vila Real, agárdanos un espazo de máis de 60 hectáreas de plena inmersión na natureza. Nesas saídas á aventura que tanto gustan na nosa pequena familia, atopamos unha área recreativa coidada e limpa que, casualmente, se atopa fronte á entrada de Boticas Parque. Non tardamos moito en rematar de comer porque a natureza do outro lado da estrada nos invitaba a percorrela e disfrutala. Aínda que ese día concreto facía moita calor, sabiamos que sería entrar no parque e notar o frescor das árbores e do río.



Coma tantas marabillas en Portugal, este lugar de lecer é gratuito e o respecto pola natureza é un agasallo máis. Sendeiros limpos, cubos do lixo recollidos, animais respectados, silencios agradecidos, Boticas Parque non é só o que o seu nome indica senón tamén inclúe aloxamento, kayak, rutas de sendeirimos ou parque de pesca entre outras actividades. Aínda que esta última non é do noso agrado, si comprobamos nas visitas ao país irmán que é una práctica moi usual durante as fins de semana.


Atravesado polo río Beça, Boticas Parque amosa dende pinos de Balsaín até bosque autóctono, predominando os castiñeiros. Sendo como eran antigamente os Viveiros Forestais da Relva, o respecto pola flora é máis que evidente, así como a conservación de fauna, sobre todo doméstica (vacas, burros, galiñas, porcos...) na pequena granxa-escola que tamén se engloba dentro das actividades ofrecidas polo parque.




Como turistas accidentais neste parque en concreto, adicámosnos a percorrelo polas pasarelas que acompañan o río até chegar ás poldras de pedra que nos permiten cruzalo e voltar á zona dos viveiros e da granxa escola. Non esquezades disfrutar das estruturas no parque infantil, que nós deixamos un pouco de lado cando xa caía o solpor.



Aquí vos deixo a ligazón ao Boticas Parque coa recomendación de visitalo en canto as fronteiras con Portugal volvan abrir.

9 de marzo de 2020

A Illa de Medal ou Insuiña


Nalgúns recantos da nosa paisaxe atopámonos coma na casa. Iso percibimos na pequena e marabillosa illa de Medal ou Insuiña. Repousa, única e fermosa, ao fondo da enseada de San Simón. Ao ladiño mesmo de Arcade, alí nos agarda, chea de recunchos.
Aínda que chamada Insuíña, é máis coñecida como de Medal polo seu derradeiro propietario privado: o pintor Antonio Medal, grande amigo de outras figuras preeminentes da nosa cultura. Alí se reuniron Castelao, Asorey, Laxeiro, Valle-Inclán, Ramón Cabanillas e Manuel Quiroga por citar uns cantos. Que agasallo tan prezado da vida ter un acocho onde ser unha mesma, reunida coas amizades, invitándoas a disfrutar do espazo propio.



Para acceder a ela dende Pontesampaio, percorremos un camiño empedrado que nos retorna ao tempo da nenez: ao final nos agarda unha ponte que a une coa terra dándonos a benvida un portalón de pedra con pináculos xemelgos. A illa está pechada ao público pola noite para preservar a súa integridade pero ábrese de día para deixarnos disfrutar da súa beleza.





Din que o seu dono, referíndose á súa pequenez dixo: "pequeniña, pero miña". Por iso é un recanto único e iso percíbeno as nosas persoíñas pequenas favoritas: é da súa medida sen carecer de bancos, árbores e arbustos, un canastro e un pombal circular, así coma pequenos sendeiros e un mirador elevado protexido por barandas. 




Pero a sorpresa máis linda é unha mesa, deseñada polo seu propietario, que imita nos seus materiais estar cuberta cun mantel. 


E non podemos deixar de sorprendernos co deseño do chan, complemento perfecto para tan asombrosa xoia.


Encantaravos, seino, tanto como nos namorou, alí ergueita, tan digna ela. Tan máxica.


28 de outubro de 2019

Arcade, a Arcadia máis amable

Se Arcadia foi soñada e perseguida polos Románticos, nun ideal de beleza, paz e sinxeleza, non atopamos menos no Concello de Soutomaior, veciño do de Pontevedra, na súa vila denominada Santiago de Arcade. Aínda que parroquia do Concello, aglutina a meirande parte da poboación e mima a nenas e nenos, sen deixar de lado a quen a visitamos e voltamos de novo.

Chegando pola estrada N-550 que une Pontevedra con Vigo, desviámonos deseguida á dereita para chegar ao peirao onde, ademáis dun aparcadoiro de boa capacidade, se atopa o asombroso parque infantil de Arcade. E o consideramos asombroso e exemplar xa que agrupa nun mesmo lugar multifuncional as diferentes idades da infancia e da adolescencia con: 

- parque de tobogáns, columpios, estruturas de cordas e un areeiro con poleas moi xeitoso, así coma un rocódromo:




- zona de educación viaria para patinetes, patíns, bicicletas, triciclos:



- pista de patinaxe, cancha de baloncesto, terreo de fútbol sala e unha pista de skate. Todo rodeado de árbores e unha ampla zona de céspede, coidada e limpa, así coma bancos e una pérgola que, cando estea completamente cuberta pola glicinia, será unha zona de sombra moi agradecida. 


Entenderedes que non aparezan fotografías do resto, xa que o parque, aquel domingo, estaba completamente ateigado da rapazada e de nais e pais. As fotografías que puidemos tirar foron realizadas á tardiña, cando xa a xente comezara a retirarse, pero a nós aínda nos quedaba o mellor da visita: o paseo ás beiras do río Verdugo que deriva na Enseada de San Simón.

O paseo comeza xustamente ao rematar o parque, deixando á dereita unha fermosísima carballeira e á esquerda unha pequena praia (a praia de Matilde) que mira cara ás illas Alvelosas, dous illotes de propiedade privada fronte ao mesmo peirao.




No percorrido atopamos ciclistas, nenos con triciclos, paseantes rumbosas e varios cans acompañados. Nós fixémolo a golpe de paseo e co patinete, que se prestaba de marabilla xa que a senda está ben pavimentada. 






Case antes de chegar á ponte da N-550, avistamos un barco que parecía encaiado na baixamar e que nos fixo esquecer a velocidade dos vehículos que pasaban moi preto, por riba del.



Era o mellor momento da tarde, con plena claridade pero co aviso da noite tras o sol. 



Tiñamos que calcular o tempo para dar a volta antes do solpor e non chegamos até a ponte medieval de Pontesampaio (que quedará para outra), pero non tiñamos présa: o lugar ben merecía ser admirado e gardado na memoria.








27 de outubro de 2019

Vilagarcía de Arousa verde, moi verde

Pretiño como estamos de O Salnés, é inevitable pensar en visitar e coñecer calquera das poboacións que o conforman e lle dan vida. Porque, segundo nos contaron, Vilagarcía de Arousa tén unha poboación de cativada ben grande. E abofé que a coidan, con máis parques por poboación que na media das cidades de Pontevedra. Doado é pensar logo por que nos gustou tanto.

Ao chegar, pódese aparcar sen problemas nun aparcadoiro público enorme situado no porto, un detalle que agradecemos como foráneos. Xusto enfronte do aparcadoiro, atópase o parque Miguel Hernández, do que non aportamos fotografías xa que estaba completamente ateigado de nenas e nenos. Independentemente de non haber reflexo documentado, recomendámolo encarecidamente, xa que, ademáis de ser un espazo verde moi grande, tén un parque de estructuras de bo tamaño e bancos abondos para nais e pais, un detalle que nos encanta.

Seguindo cara o sul pola mesma rúa, atopamos o parque do noso destino, ao que chegamos percorrendo un fantástico e amplo paseo marítimo que invitaba a fotografar tanto os barcos coma os guindastres na lontananza.





E digo que íamos a un parque en concreto, o chamado Parque do Centenario, xa que nel se atopa un bowl: unha estrutura en formigón en forma de cunca na que a afición do skate tenta demostrar arte e equilibrio. O noso pequeno skater é moi ambicioso e semellante bowl foi demasiado para el, pero deambular permitiunos ver o Parque do Centenario con calma. Árbores autóctonas, plátanos hispanicum, palmeiras e incluso camelias, enverdecen a paisaxe. 





E, ao rematar este parque de grandes dimensións, atopamos o noso destino primordial: un recinto bastante xeitoso de skate estándar, no que pasamos boa parte da tarde: o Parque do Cavadelo.


Pero como somos familia de explorar e andar, deixamos atrás ambos parques, percorrendo a Rúa Valle Inclán até que atopamos, fronte á entrada do Porto de Vilagarcía, un agasallo inesperado: o Parque Botánico Enrique Valdés, de entrada gratuíta.



Agasallo, como dicíamos, xa que o donaron uns duques coma parque e foi acondicionado e nomeado na honra dun farmacéutico da comarca no ano 2001. 
Arrinca en costa arriba e pódese transitar por el con carriño de paseo. Nós íamos cun patinete e, a pesares de haber tramos non axeitados, non foi un problema. 

Aínda que, pola información que circula na rede, o describen coma solitario e pouco coidado, encantounos. Sen embargo, non fomos quen de percorrelo todo, xa que son 12.000 metros cadrados e a tarde estábasenos botando enriba. Deixamos aquí mostra de fermosos recunchos que, en pleno silencio, nos facían esquecer o rebumbio da vila ás portas do parque. Agradecidos polos seus asentos, disfrutamos do son da auga, dos trinos dos paxaros e da morna luz do sol.

 






No seu curuto atopouse o denominado Castro de Alobre, que segue en fase de excavacións, razón pola que o parque botánico tamén é coñecido coma O Castriño. Non puidemos resistirnos a observar a vila dende arriba, como de seguro fixeron as galaicas e os galaicos que o habitaron nun tempo.



E, de volta, xa sorprendéndonos o solpor, non puidemos evitar despedirnos con tristura, pero co desexo de voltar tras contarvos a fermosa e completa tarde que pasamos en Vilagarcía de Arousa.