Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

12 de xuño de 2019

O lago Castiñeiras

Chegar a primavera e saír explorar os arredores é todo un. Nesta ocasión, achegámonos ao lago Castiñeiras nun festivo. A pesares da xente que tivera a mesma idea ca nós, puidemos disfrutalo en toda a súa beleza.




Situado entre os concellos de Vilaboa e Marín, o lago Castiñeiras é un enclave coidado polo home, no cumio dun monte, a unos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar, abrigado por bosques na súa ampla maioría autóctonos. Nada de eucaliptos ferintes á vista. E falamos de 70 hectáreas de beleza preservada e coidada para o lecer de quen a visita. Un lago que invita á tranquilidade e á contemplación. 


Pero non todo é meditar: no seu seo hai un pequeno centro de protección da natureza con diversos tipos de animais, dende parrulos, ocas até ovellas, cabras ou cabalos. Non fai falla dicir que é o lugar favorito de cativas e cativos. A pesares de que está prohibido dar de comer aos animais, éstes buscan a compaña humana e seguen a nenas e nenos do seu lado da vaia. 




Pódese pasear por diferentes sendeiros ben definidos, pero integrados na paisaxe de forma natural, cruzando por diferentes pontes, os regatos que acaban ou parten do lago Castiñeiras. Non recomendamos o paseo con carriños de bebé ou patinetes, xa que estamos en plena natureza, non en terreo pavimentado, polo que, no caso dos bebés, o mellor é o porteo e no caso dos un chisquiño maiores, deixar o patinete no coche. Pero, obviamente, todo depende da enerxía dispoñible :)



Pero non todo vai ser pasear ou contemplar: é un lugar ideal para merendar en familia o coas amizades. Ducias de asentos de pedra coas súas correspondentes mesas agardan polas visitas. Tamén se poden organizar barbacoas nos meses permitidos. 



Quédanos pendente acudir un día no futuro e visitar a Aula da Natureza de Cotorredondo, para aprender máis e non só relaxarnos entre tanta beleza. 

Non moi lonxe, a apenas 2 kms, tamén nos quedou por ver o mirador de Cotorredondo, dende o que, polo visto, se pode ollar a enseada de San Simón na ría de Vigo. Darános xogo para un post futuro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario