Aínda que no momento do día no que nos achegamos a coñecer as Salinas do Ulló había marea baixa, a grandiosidade do lugar animounos a percorrelas e desexar voltar noutra ocasión con marea alta.
Ubicadas no concello de Vilaboa, as Salinas e Marismas do Ulló constitúen un recuncho de limpa beleza á vez que contemplamos a obra do ser humano ao conter as salinas e permitir arrodealas a pé.
Como nos informa a páxina do Concello de Vilaboa, as salinas componse de partes de horta, bosques de pinos, carballos, salgueiros, ameneiros, prados e pastos de xuncos.
A pretensión principal das salinas foi a súa explotación dende o século XVII coa construción dun dos poucos muiños de mareas existentes en Galicia, "cun funcionamento que se baseaba no aproveitamento do movemento de correntes do fondo da ría para xerar forza hidráulica" (fonte: web do Concello de Vilaboa).
Daquel uso nada queda e apenas uns muros das antigas casas habitadas polos traballadores que mantiñan o muiño de mareas.
Percórrese por un camiño de terra batida que arrodea a salina e nos permite cruzar o mar e voltar a terra despois de contemplar o solpor cara a ría de Vigo. Iso sí, aínda que nos atrevemos co patinete pola pista de terra, cruzar o camiño de pedra a través do mar hai que facelo con tódolos sentidos alerta.
Se queredes percorrelas de forma guiada, aquí vos deixo a ligazón promovida na páxina do Concello dunha opción para unha fin de semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario