Somos seguidores dende hai anos dun lugar inxustamente descoñecido fóra da cidade de Ourense: o espazo de lecer Carrileiros (da asociación Carrileiros & Foula) que constitúe o Ferrocarril Central de Galicia en tamaño reducido pero amplo en emocións (web propia aquí).
Sitúase na cidade das Burgas, ao ladiño mesmo do Auditorio, nun recinto de máis de 4.000 metros cadrados adicados ao mundo do ferrocarril en Galicia. Unha reproducción fidedigna grazas a elementos reais provintes de antigas estacións ou colección privadas de amantes do ferrocarril.
Trátase dun parque temático onde o protagonista é o tren, con diferentes vías polas que transitan locomotoras conducidas polos máis expertos amantes das maquetas ferroviarias, pero con trens e vagóns que son quen de transportar a nenas e nenos, así como a adultos.
Neses máis de 4.000 metros cadrados atopamos dúas estacións, a taquilla dos billetes (prezo moi económico: 2 euros/adulto, 1 euro/nenos), 2 túneles e 4 pasos a nivel.
No plano subseguinte, cortesía da páxina da asociación, podemos observar máis estructuras que completan a maxia de atoparnos nunha pequena-grande viaxe marabillosa.
Debido á laboura altruista dos membros do asociación, só se atopa aberto en días festivos e domingos para o lecer de todas canto temos a sorte de atoparnos entre as visitantes habituais. É particulamente fermosa a paisaxe arbórea e arbustiva durante o outono e a primavera, épocas ideais para visitar o parque. Pero no inverno ofrecen a particularidade dun vagón especialmente adicado ás cartas de nenas e nenos que contactan co Apalpador (ausente este ano, mágoa!), Papá Noel ou os Reis Magos.
Non podemos despedirnos do parque sen observalo dende a pasarela panorámica que o atravesa, unha rutina xa habitual para nós, que nos amosa o transitar dos diferentes trens, cruzándose ou cedéndose o paso na máis estupenda das cortesías.

Ningún comentario:
Publicar un comentario