Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

7 de novembro de 2018

Aquis Querquennis ou como vivían as tropas romanas

Un sitio que nos sorprendeu pola súa magnitude e asombrosa beleza foi Aquis Querquennis, coñecido popularmente por A Cidá, situado no concello de Bande en Ourense, máis concretamente na parroquia de Baños de Bande.






Era, no tempos dos romanos, un campamento romano e unha mansión-viaria (unha hospedería para viaxeiros que percorrían as vías romanas, con cortes para acoller ás cabaleirías), construcións que abarcan do século I ao III d.C. É unha marabilla que se manteña no tempo e se sigan descubrindo máis construccións deste complexo arqueolóxico que prosegue coas escavacións. 









Nin que dicir que é un lugar de soño para nenas e nenos: poden correr polo antiguo campamento e é lugar ideal para xogar ás agachadas. Tamén se converte nun sitio fabuloso para sentar un anaco nesas mesmas pedras e tomar a merenda mirando ao outro lado do grande encoro das Conchas, onde podemos intuir a zona de praia fluvial de O Corgo, no Concello de Muiños, do que falaremos nunha publicación futura.



Como dicía, parecénos incríbel o pouco coñecida que é esta paraxe que nos transporta sen moito esforzo á época dos romanos na Gallaecia. Recomendamos na web do Centro de Interpretación o chamado Mundo dos Nenos, no que a Cooperativa Xeitura -a cargo do centro interpretativo- realiza talleres para converterse tanto en lexionarios romanos coma en inxeñeiros dos antigos camiños romanos que perviven ata hoxe en día.




Iso sí, hai que lembrar que o complexo arqueolóxico foi anegado no seu día debido á construción do encoro das Conchas polo que no inverno pode atoparse baixo as augas, reflectindo así a imaxe dunha cidade a punto de ser descoberta. Nós achegámonos alí en xullo, a época ideal para poder disfrutar de toda A Cidá na súa clara exposición. 


O aceso á cidade de Aquis Querquennis faise pola OU-540 dende Bande ata Porto Quintela, vila na que hai que tomar unha pequena estrada ben indicada á esquerda para achegarnos ao complexo arqueolóxico romano. Aquí unha foto sacada da web do proprio Centro de Interpretación, ben impresionante. 




2 comentarios:

  1. Hai moitos anos que estiven ahí, pode ser que houbese unhas termas, así en plan naturais?

    ResponderEliminar
  2. Si, efectivamente. Non as mencionei no artigo porque non as vimos, pero sei que están moi ben. De tódolos xeitos, como comentamos no artigo, é mellor ir na época cando o encoro está máis baixo, porque se non ao peor só se albiscan los arcos superiores ;)

    ResponderEliminar