Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

26 de outubro de 2018

O Castelo de Soutomaior, marabilla de xardíns e de fortín

Tiñamos moitísimas ganas de coñecer de primeira man un dos castelos máis emblemáticos e fermosos de Galicia. Así que ver, e percorrer, e disfrutar do Castelo de Soutomaior e os seus impresionantes xardíns foi un agasallo para nós.



Situado no concello de Arcade, este castelo magníficamente conservado é espectacular. Non imos describir aquí o que tan ben fan na propria páxina do castelo (Castelo de Soutomaior) so comentar que as visitas son moi económicas e realmente pagan a pena (adultos: 2 euros; reducida: 1 euro). A restauración é impecable, coa redacción da súa historia reflectida en cada sala. Encantounos especialmente para xogar -e tamén para admirar- a Galería das Damas. 



As visitas aos xardíns son gratuítas (polo de agora) e constitúen un pracer para os sentidos tamén das nenas e nenos, xa que ademáis de pequenos labirintos hai un estanque con carpas koi e un itinerario entre camelias xigantes digno do xardín botánico que é. 


Ademáis desas famosas camelias -que lle deben o recoñecemento de Xardín de Excelencia Internacional dende 2012- o bosque que circunda o castelo non é menos abraiante: variedades de arbustos ornamentair, loureiros, castiñeiros antigos, liquidámbares outonados, érbedos e carballos irmandados. Como xa dixemos, un verdadeiro agasallo para toda a familia.


Baixando cara o val -ben sabido é que os castelos sempre están nos curutos- atopamos os seus impresionantes viñedos, cuxos froitos escintilan ao sol. Non puidemos resistirnos a observar a impresionante vista e descansar de tantísima emoción.

Ningún comentario:

Publicar un comentario