Galicia para xente miúda

Queremos percorrer contigo e coas túas persoíñas pequenas favoritas a nosa terra, queremos amosarche as súas marabillas, a súa beleza mostrada ou agochada, queremos que volvas ser pequena e volvas ilusionarte cunha viaxe curta -ou unha longa- no teu tempo de ocio. Ven connosco!

27 de outubro de 2019

Vilagarcía de Arousa verde, moi verde

Pretiño como estamos de O Salnés, é inevitable pensar en visitar e coñecer calquera das poboacións que o conforman e lle dan vida. Porque, segundo nos contaron, Vilagarcía de Arousa tén unha poboación de cativada ben grande. E abofé que a coidan, con máis parques por poboación que na media das cidades de Pontevedra. Doado é pensar logo por que nos gustou tanto.

Ao chegar, pódese aparcar sen problemas nun aparcadoiro público enorme situado no porto, un detalle que agradecemos como foráneos. Xusto enfronte do aparcadoiro, atópase o parque Miguel Hernández, do que non aportamos fotografías xa que estaba completamente ateigado de nenas e nenos. Independentemente de non haber reflexo documentado, recomendámolo encarecidamente, xa que, ademáis de ser un espazo verde moi grande, tén un parque de estructuras de bo tamaño e bancos abondos para nais e pais, un detalle que nos encanta.

Seguindo cara o sul pola mesma rúa, atopamos o parque do noso destino, ao que chegamos percorrendo un fantástico e amplo paseo marítimo que invitaba a fotografar tanto os barcos coma os guindastres na lontananza.





E digo que íamos a un parque en concreto, o chamado Parque do Centenario, xa que nel se atopa un bowl: unha estrutura en formigón en forma de cunca na que a afición do skate tenta demostrar arte e equilibrio. O noso pequeno skater é moi ambicioso e semellante bowl foi demasiado para el, pero deambular permitiunos ver o Parque do Centenario con calma. Árbores autóctonas, plátanos hispanicum, palmeiras e incluso camelias, enverdecen a paisaxe. 





E, ao rematar este parque de grandes dimensións, atopamos o noso destino primordial: un recinto bastante xeitoso de skate estándar, no que pasamos boa parte da tarde: o Parque do Cavadelo.


Pero como somos familia de explorar e andar, deixamos atrás ambos parques, percorrendo a Rúa Valle Inclán até que atopamos, fronte á entrada do Porto de Vilagarcía, un agasallo inesperado: o Parque Botánico Enrique Valdés, de entrada gratuíta.



Agasallo, como dicíamos, xa que o donaron uns duques coma parque e foi acondicionado e nomeado na honra dun farmacéutico da comarca no ano 2001. 
Arrinca en costa arriba e pódese transitar por el con carriño de paseo. Nós íamos cun patinete e, a pesares de haber tramos non axeitados, non foi un problema. 

Aínda que, pola información que circula na rede, o describen coma solitario e pouco coidado, encantounos. Sen embargo, non fomos quen de percorrelo todo, xa que son 12.000 metros cadrados e a tarde estábasenos botando enriba. Deixamos aquí mostra de fermosos recunchos que, en pleno silencio, nos facían esquecer o rebumbio da vila ás portas do parque. Agradecidos polos seus asentos, disfrutamos do son da auga, dos trinos dos paxaros e da morna luz do sol.

 






No seu curuto atopouse o denominado Castro de Alobre, que segue en fase de excavacións, razón pola que o parque botánico tamén é coñecido coma O Castriño. Non puidemos resistirnos a observar a vila dende arriba, como de seguro fixeron as galaicas e os galaicos que o habitaron nun tempo.



E, de volta, xa sorprendéndonos o solpor, non puidemos evitar despedirnos con tristura, pero co desexo de voltar tras contarvos a fermosa e completa tarde que pasamos en Vilagarcía de Arousa.




Ningún comentario:

Publicar un comentario